MARÍA LAPIDO - Todas e ningunha

 

María Lapido (Curtis, A Coruña. 1988)

Interesada dende sempre pola integración social, a multiculturalidade e o feminismo, desenvolve a súa obra a través da fotografía e da pintura, fusionando, en ocasións, ambas disciplinas. Logo de traballar con acrílico e óleo, nos últimos anos céntrase no uso da acuarela e máis recentemente, na ilustración dixital. O seu discurso medra coas acuarelas presentes nesta mostra; trátase de distintas series de retratos de mulleres, sempre dende un posicionamento político de xénero. Para María Lapido é esencial destacar a mirada feminina. Deste xeito de ver e entender a arte nacen as ideas que subxacen nos seus retratos: por unha banda, a revisión da beleza, como un goce en igualdade de condicións para a retratada e a espectadora e, unido ó anterior, a condición de suxeito activo das súas mulleres, tratando de dar xustiza ó concepto histórico de musa. Ademáis, nelas, a forza reside nos seus rostros e non nos seus corpos.

A expresividade dos xestos e miradas transmiten forza e vulnerabilidade, nunha sorte de equilibrio emocional que reflicte a complexidade da vida diaria. Partindo do uso variado da cor e da forma, María Lapido crea atmosferas realistas, onde os planos e volumes son reinterpretados, xerando contraste entre a protagonista e o seu entorno. A artista pretende así xerar unha atmosfera onde a realidade vira poliédrica, relativa, contraditoria. A beleza neste ambiente é, unha vez máis, esa ollada poderosa e amable, de igual a igual, entre a muller pintada e a que mira. Beleza inclusiva e en conflito coa globalización, interpretada como “beleza global” que anula identidades minorizadas e ao mesmo tempo integra centos de realidades antropolóxicas e estéticas. Con esta fórmula, nace o seu último proxecto “Todas e Ningunha”, unha colección de acuarelas que teñen como obxectivo invitar á reflexión sobre a imaxe da muller, imaxe construída dende dogmas machistas que fixeron dos colectivos de mulleres un ente social non diverso. “Todas e Ningunha” fai referencia a ese conxunto íntegro, enteiro e válido de mulleres invisibilizadas que comparten e diverxen entre si.

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


 XABIER LIZ -Fetiches

 

O contacto da madeira ao percorrela coas mans, a sensación de apreixar terra; os elementos naturais que nos recordan o mundo ó que pertencemos prodúcenme a necesidade de transformalos e lanzar o seu compoñente matérico sobre lenzos en branco. Dotar da terceira dimensión aos meus cadros permite falar das emocións, todas elas partes abstractas e constantes da vida das persoas, e facelas concretas e tanxibles. 

Cada decisión tomada percíbese cunha intencionalidade non arbitraria, aínda aquelas que son gobernadas polo subconsciente. Esa mesma intencionalidade guía as miñas mans no proceso de construcción da miña obra. A abstracción matérica acolle o simbolismo da decisión sobre a casualidade, da responsabilidade dos actos obre o azar. 

Sempre me chamou a atención a creación anónima de artes utilitarias e catárticas como as xurdidas no continente africano, onde as crenzas e os actos fusionáronse en obxectos que condensan o mundo das ideas nunha certeza fermosa e inquedante ao tempo. Así, Fetiches emprega parte desa enerxía antiga empregando vellas e novas técnicas desde una ollada contemporánea. 

En toda arte permanece o elemento abstracto, o das emocións que acolle ou produce. Da observación grosa a detallada, un xeito de estar no mundo.

 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.



PABLO TOMÉ - 36 disparos

 

Recordo unha película que vin, alá polos anos setenta, na que o protagonista tiña unha patoloxía de nacemento: o seu ollo era capaz de fotografar o que lle interesaba.

Eu iniciaba entón a miña vida fóra da casa dos meus pais e quería facerme adulto, pero dubidaba entre a arquitectura e as belas artes. Á empresa constructora do meu pai víñalle mellor o primeiro pero, el, coa súa xenerosidade sen límites, antes de irme a estudar a Madrid regaloume dúas estatuas e un cabalete para que aprendese a trazar liñas no aire e fosen estas as que me indicasen o camiño.

Quíxeno todo xa que pronto comprendín que, como o protagonista daquela película, o debuxo axudábame a entender o mundo, a apresalo na miña cabeza para logo converter o visto en arquitectura.

E desde entón, como na lenda de Ariadna, vou recollendo o fío nos meus cadernos buscando ao meu pai que me deixou só no labirinto coa máquina do meu ollo que tamén ten un carrete de 36 negativos.

E así eu vouno buscando.

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.


EDU PORTELA - Primavera Negra.

 

Exposición fotográfica do proxecto para o FOTOLIBRO -Primavera Negra-

 

TEXTO do FOTO LIBRO -primavera negra-

Isto que tes nas mans vai de ansiedade, de resacas duras, de gritar cara a dentro. Vai de desamor, de insomnio, de subordinar a mirada á túa parte escura, de non ter un puto duro. Isto trata sobre un buraco negro interior de moitos anos, un buraco que intentas encher con sexo baleiro e os teus propios sorrisos falsos. Este libro vai de comerche a merda ti só e pedir outra ración. 

Está cheo de ausencias e da incapacidade de gestionar as miñas propias emocións. É un diario en imaxes feito para non pensar e acabar vendo o que non queres ver, pero no fondo sabes que es. Non hai peor pesadelo que recoñecerche e desprezarche.

A diferenza do traballo fotográfico baseado na procura do autoconocimiento, isto trata sobre fuxir da consciencia dos meus propios actos, de perder o tempo no banal, de abrazar a intranscendencia do momento para chegar final e involuntariamente ao autoconocimiento do que fuxía nun primeiro momento.

En poucas palabras, este libro é o resumo da miña ira dirixida contra o meu peor inimigo: eu mesmo. 

CLICK na foto para VISITA VIRTUAL 360º da exposición. Ofrecido por ASESTELO fotografía.